Excursións, deporte, marchas nocturnas, actividades acuáticas…. Comeza a temporada estival e no Concello de Ponteceso teñen todo a punto para que desfrutes da programación de verán con actividades para todos os gustos e idades. Desde os departamentos de Cultura e Deportes veñen de elaborar un amplo calendario, con propostas do máis variadas para que goces ao máximo do teu tempo de ocio e lecer durante os meses de xullo e agosto, e no que tamén teñen cabida algunhas das citas gastronómicas, musicais e turísticas máis importantes e tradicionais do noso municipio, promovidas polo Concello e o asociativo.
O deporte e o contacto coa natureza centrarán boa parte da oferta lúdica municipal programada para que aos nenos/as e mozos/as de 6 a 18 anos desfruten dun verán con moita acción e aventura tanto dentro como fóra do municipio, e para que as súas familias poidan conciliar mellor a vida familiar, laboral e persoal.

