Asinado o convenio para executar a 1ª fase do saneamento de Monteagudo, en Arteixo

1 minutes read

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou co alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, o convenio de colaboración para desenvolver a primeira fase do saneamento na parroquia de Monteagudo, que suporá un investimento de 545.000 euros.

A Xunta, a través de Augas de Galicia, financiará o 80 % dos traballos, cunha achega de 436.000 euros. Pola súa banda, o Concello de Arteixo financiará o 20 % restante, 109.000 euros.

A execución dos traballos será cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do programa de desenvolvemento rural Galicia 2014-2020.

O obxectivo das actuacións é dotar de servizo de saneamento á totalidade das vivendas da parroquia de Monteagudo, enlazando coa rede existente.

A solución proxectada é unha rede de ramais de saneamento que colecte as augas residuais das vivendas non conectadas actualmente á rede municipal.

Nesta primeira fase proxéctase dar servizo ás vivendas situadas na parte alta do núcleo mediante a execución dun novo colector que se conecte coa rede existente, substituíndo o actual, que presenta problemas de cotas.

No núcleo do Coto conectarase a rede de colectores coa rede existente.

En Vilela, A Rocha, A Perillona e A Ibia, executaranse ramais que dotarán de conexión o bombeo existente na área recreativa dos Barreiros. Existe un cruzamento co rego das Ibias, que precisará da execución dun bombeo previo para salvar o cruce.

No núcleo do Freixal acometerase un ramal que conectará coa rede existente por gravidade.

Finalmente, nos núcleos da Casanova e Ramilo, prevense dous ramais de colectores por gravidade que confluirán no punto baixo onde se proxecta un bombeo que o conectará coa rede existente.