Asinado o convenio para que o autobús urbano da Coruña preste servizos na Zapateira

1 minutes read

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, firmou este martes este acordo, que tamén deberán asinar os Concellos da Coruña, Arteixo e Culleredo para materializar o convenio.

Esta proposta permite darlle solución á demanda dos veciños das urbanizacións de Montegolf, Vallesur e Os Olivos, xa que poderán dispoñer dun servizo de transporte público que facilitará os seus desprazamentos diarios.

Trátase de estender os actuais servizos do bus urbano da Coruña á Zapateira, unha posibilidade que a Xunta permite grazas á Lei 14/2013, para dar solución a situacións como esta e que xa se vén aplicando con éxito desde o ano 2015 en Meicende.

A actual liña 24 de bus urbano da Coruña, que pasa polo Campus da Zapateira e vai ata as urbanizacións do propio termo municipal coruñés, apenas dista 3 quilómetros das novas urbanizacións ás que se quere dar servizo de transporte público.

Neste sentido, o máis eficiente é permitir que o bus urbano da Coruña saia un pouco do seu termo municipal, prolongando a liña 24 ata estas urbanizacións destes concellos limítrofes.

O convenio contempla os termos relativos aos horarios ou frecuencias, acordados entre os citados concellos e a propia empresa concesionaria do bus urbano.