Aspaber 50 anos: traxectoria, compromiso e futuro

1 minutes read

A asociación Aspaber arrincou con este lema os actos oficiais do seu 50 aniversario. Foi nun encontro cargado de emotividade celebrado na sede da entidade, usuarios/as, traballadores/as e representantes municipais deron o pistoletazo de saída a un ano que servirá para poñer en valor cinco décadas de traxectoria e esforzo pola plena inclusión. Durante o acto o alcalde de Carballo, Daniel Pérez, quixo subliñar a importancia desta efeméride e o papel fundamental da asociación no noso concello: “Nestes 50 anos, Aspaber demostrou que cun compromiso firme se poden derrubar barreiras. Para Carballo é un orgullo contar cunha entidade que é referente en inclusión e que soubo medrar da man da nosa comunidade, transformando a vida de moitas persoas e axudándonos a ser un concello máis xusto.”

Unha programación para toda a veciñanza

Durante o acto, a dirección de Aspaber debullou a folla de ruta dunha celebración que implicará a toda a vila con diversas actividades:

  • Maio: inauguración da ampliación do centro de día
  • Xullo: protagonismo na Praza dos Libros, organizada pola Concellaría de Bibliotecas
  • Setembro: exposición de infografías históricas na rúa Colón
  • Outono: xornadas técnicas sobre a sostibilidade das asociacións no ámbito rural
  • Novembro: gran Gala do 50 aniversario no Pazo da Cultura

Ademais dos eventos, a entidade anunciou unha renovación da súa imaxe e unha intervención artística en forma de mural que decorará a fachada das súas instalacións, integrando aínda máis o centro na paisaxe urbana e social de Carballo.

Con este inicio de aniversario, Carballo e Aspaber reafirman un vínculo histórico que seguirá medrando con novos proxectos e desafíos de futuro.