A Federación Nacional de Asociacións de Traballadores Autónomos (ATA) denuncia que o Goberno segue incumprindo o compromiso adquirido coas mulleres autónomas e non aplica as medidas pactadas, acordadas e anunciadas pola propia ministra de Traballo, Migracións e Seguridade Social, Magdalena Valerio, no acordo coas organizacións de autónomos do pasado 26 de decembro.
A día de hoxe, explica a Federación nun comunicado, o Goberno segue impedindo que mulleres autónomas se benefícien da tarifa plana de 60 euros durante 12 meses tras a maternidade, adopción ou acollemento dun menor. “Aínda que a ministra anunciou publicamente que as autónomas ían poder beneficiarse dentro dos 24 meses posteriores á súa baixa por maternidade da redución da cota sen ter a obrigación de cesar previamente na actividade ou pechar o seu negocio, a Seguridade Social segue sen aplicala e denégase a moitas nais autónomas. Unha axuda que é fundamental para a conciliación da vida familiar e laboral”, asegura Celia Ferrero, vicepresidenta de ATA. “Un dos momentos no que máis mulleres deixan de ser autónomas coincide co período posterior á baixa por maternidade, adopción ou acollemento”. As autónomas non teñen a posibilidade de optar á redución de xornada laboral, ao non estar regulado a cotización a tempo parcial no RETA como si teñen todos os traballadores por conta allea.
Desde ATA piden ao Goberno que de forma inmediata aplique o compromiso adquirido coas autónomas e asinado pola propia ministra de Traballo hai tan só dous meses de acollerse a esta axuda. “Que o fagan utilizando o instrumento que mellor conveña, unha instrución interna ou calquera outro método. Pero nestes momentos estamos a ver que axudas prometidas non se están materializando”, engade Ferrero.
Ampliación a 24 meses
Ademais desde a Federación, explican, que solicitaron ás comunidades autónomas que amplíen a 12 meses máis a bonificación da cota para as autónomas que fosen nais. “Do mesmo xeito que nalgunhas comunidades xa se está bonificando un ano máis a cota para novos autónomos de 60 euros ao mes, sería moi importante que esa mesma ampliación se adoptase para as autónomas tras o período de baixa por maternidade, adopción ou acollemento dun menor” recalcou Candelaria Carreira, coordinadora da área de Muller de ATA. “Así, as comunidades autónomas apoiarían de verdade a estas mulleres nun dos períodos máis delicados para elas e as súas empresas”.
Doutra banda reclaman tamén unha cota reducida de 30 euros ao mes durante 24 meses para as mulleres que inician unha actividade no ámbito rural en municipios de menos de 5.000 habitantes. “Esta medida supoñería un importante apoio ao emprendemento rural, mellora e axuda ás actividades iniciadas por mulleres, afloramiento de economía informal que se realizan por parte de mulleres no ámbito rural e reduciríase o despoboamento das pequenas localidades españolas. As mulleres autónomas afianzan eses pequenos negocios que vertebran as zonas rurais deste país, polo que é vital para todos que se apoie a súa iniciativa emprendedora”, engade Carreira.