Atascos no centro de Carballo tras o corte por obras da rúa Concepción Arenal

1 minutes read

Este martes quedou cortada ao tráfico a céntrica rúa Concepción Arenal en Carballo, situada entre a Vázquez de Parga e a Valle Inclán, motivo das obras de reurbanización que vai a sufrir. O proxecto permitirá mellorar os servizos urbanísticos e a accesibilidade, seguindo o modelo que se materializa nestes momentos na contorna do Fórum Carballo e a rúa Barcelona, entre outras. Isto provocou retencións de tráfico na rúa Vázquez de Parga por falta de información de moitos condutores que utilizaban a vía a diario e que se atoparon de repente con ela pechada.

A rúa Concepción Arenal ten unha lonxitude de 80 metros e un ancho que oscila entre os 8,50 e 4,85 metros na zona máis estreita. Nela, melloraranse e completaranse as redes de abastecemento de auga e saneamento e instalarase rede de augas pluviais, da que carece a rúa nestes momentos; tamén se colocará a canalización para o soterramento futuro da rede de enerxía eléctrica e completaranse as de telecomunicacións e gas. En canto á iluminación pública, a instalación será soterrada e as luminarias irán colocadas sobre báculos en vez de fixadas ás fachadas, como están agora. O prazo estimado de execución das obras é de 3 meses.