Un mergullador foi achado falecido este sábado en Mañón. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, levaba en paradoiro descoñecido desde as 11:00 horas, cando foi visto por última vez na auga.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos ao fío das 17:00 horas desta tarde, cando unha persoa que acompañaba ao mergullador deu conta da súa desaparición. Poucos minutos despois, a persoa que alertou ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia indicaba que atoparan o cadáver do home.
A partir de aí, desde o CIAE 112 Galicia requiriuse a intervención de Salvamento Marítimo, do Servizo de Gardacostas de Galicia, da Garda Civil, dos voluntarios de Protección Civil de Mañón e do 061-Urxencias Sanitarias.
Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, o corpo sen vida foi rescatado por unha embarcación de Salvamento Marítimo e trasladado ao porto de Cariño.
Ademais, os xestores do 112 Galicia informaron do ocorrido ao Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) por se fose necesario prestar atención aos familiares do mergullador falecido.