Atrapado un condutor nun accidente en San Cibrao

1 minutes read
Vídeo.- Garda Civil.

Un home e único ocupante dun vehículo resultou ferido despois de sufrir un accidente cando circulaba pola OU-525, á altura da entrada do Polígono de Barreiros, en San Cibrao das Viñas. Foi necesaria a intervención dos Bombeiros para liberar ao ferido, que quedou atrapado no interior do vehículo.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo constancia do suceso a través da chamada dunha persoa particular. Aseguraba que o home estaba ferido e que non podía saír do vehículo.

A partir de aí, os xestores do 112 pasaron aviso decontado aos persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que comunicaron que o coche caera por un barranco.  Do mesmo xeito, puxeron os feitos en coñecemento dos Bombeiros  de San Cibrao e dos axentes de Tráfico, así como, dos membros do GES de Pereiro de Aguiar e de Protección Civil de Barbadás.

Debido ao impacto, un poste do alumeado resultou danado, polo que desde o 112 Galicia informouse da situación ao persoal da compañía de electricidade que abastece a zona.

Unha vez liberada a persoa, foi trasladada polos técnicos sanitarios ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.