Avances entre administracións no proxecto da Estación Intermodal de Lugo

2 minutes read

A Xunta, o Concello de Lugo e Adif avanzaron este luns no cronograma de actuacións e nos termos financeiros da futura estación intermodal de Lugo. Na xuntanza mantida en Madrid entre a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a presidenta de Adif, Mª Luisa Domínguez, as partes estableceron o prazo duns días para concretar os termos do financiamento e a planificación das actuacións, co fin de iniciar a tramitación do convenio.

Trátase dun proxecto ambicioso e moi coidado desde o punto de vista estético, e que o obxectivo é que a nova terminal de autobuses intermodal preste servizo a case 30.000 viaxeiros cada ano. tamén inclúe un novo edificio de viaxeiros da estación de ferrocarril que se integrará na praza intermodal que conectará as estacións de ferrocarril e de autobús. Para a súa integración na trama urbana e na paisaxe da cidade prevese un novo paso de inferior entre andéns de uso exclusivo para os viaxeiros do tren. levará aparellada a construción dun novo paso inferior peonil de cidade entre o centro urbano e o parque do Sagrado Corazón, que conectará ambos os lados da canle ferroviaria, incluídos os seus accesos, elementos de comunicación vertical e urbanización asociada.

Realizaranse, ademais, obras de urbanización exterior do eido da estación e da conexión do paso inferior da cidade coa contorna urbana. Inclúe, á súa vez, a adecuación do cerramento da estación, de forma que se evite o acceso indebido á zona de vías e o acceso aos andéns sen pasar polo control de pasaxeiros. Finalmente, construirase un novo aparcadoiro subterráneo, que prestará servizo fundamentalmente á estación ferroviaria e que explotará Adif. O investimento total entre a estación de autobuses, a terminal ferroviaria e o conxunto de elementos complementarios é de 40 M€.