Avanza a ampliación da estrada que conecta Valdoviño e Cerdido

1 minutes read

O Presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso e o alcalde de Valdoviño Alberto González, visitaron as obras de ampliación e mellora que se están executando entre os puntos quilométricos 3+000 e 5+600, que supoñen un investimento de 605.000 euros, aos que hai que sumar os 159.119 euros que a Deputación investiu na expropiación dos terreos afectados.

As obras iniciáronse no lugar de O Portedoso (cruce coa DP-7603) e discorren polo núcleo rural de Vilaboi, chegando ata o encoro das Forcadas. No vial principal, a calzada pasará de 5 a 7 metros de ancho e contará con beiravías laterais de 1 metro para mellorar a seguridade peonil. No caso do ramal no que tamén se executan as obras, pasará de 4,70 a 6 metros de ancho, colocando cunetas en ambas marxes.

Formoso afirmou que a Deputación aprobará proximamente un proxecto modificado que suporá un incremento de 88.717 euros para financiar a execución de cunetas de seguridade nos tramos con vivendas cercanas e a reposición dos numerosos servizos afectados pola ampliación do vial.