A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe a licitación da redacción do proxecto do novo acceso ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense desde a N-525 que suporá un investimento estimado de 5 M€.
Explicou que a nova vía terá 640 metros de lonxitude e conectará a N-525 coa avenida do Regato, un viario local executado parcialmente, facilitando un acceso directo cara ao hospital que evitará un rodeo e permitirá achegar o centro hospitalario ao conxunto da área sanitaria.
Salientou que a nova vía, prevista xa no planeamento urbanístico, ten resoltos os enlaces nos seus extremos, tanto na N-525 como no final da avenida do Regato na avenida de Zamora, ao igual que o paso sobre o río Barbaña, que está executado.
O novo acceso disporá de 2 calzadas, cada unha con 2 carrís de circulación, separadas por mediana axardinada. Nun primeiro treito, de 330 metros, a actuación consistirá na duplicación da avenida do Regato; e nun segundo treito, de 310 metros, será de nova execución ata conectar coa N-525.