Avanzan a bo ritmo as obras de formigonado da ODT na vía que une Baíñas con Dumbría

1 minutes read
  • Trátase dunha intervención moi demandada e de gran calado, que é imprescindible realizar de inmediato tanto na ponte, insuficiente hidraulicamente, como no pavimento, moi deteriorado.

O Concello de Vimianzo comezou o pasado mes xuño a construción dunha ODT (Obra de Drenaxe Transversal) na vía que une Baíñas con Dumbría. Unha intervención que persegue mellorar as conexións interurbanas e tamén a pavimentación con actuacións tanto na súa plataforma como nos elementos de drenaxe. As obras de formigonado da ODT avanzan a bo ritmo, parte fundamental para poder abrir á circulación esta vía tan transitada, fito que “é a nosa vontade desde o primeiro día do inicio das obras”, argumentan desde o Consistorio.

Nun primeiro termo, construirase unha nova ponte sobre o rego das Touzas, así como a reparación do firme desta vía nunha lonxitude de 1.100 metros cunha nova capa de aglomerado. O paso sobre a auga estaba resolto ata agora mediante un marco de formigón, conformando un estreitamento do río neste punto, o que provocaba que en época de fortes choivas se asolagara a zona. Esta circunstancia supón un grave risco na seguridade viaria ademais do constante deterioramento do firme.

“Trátase dunha obra fundamental para a veciñanza tanto de Vimianzo como de Dumbría, tamén para as persoas que empregan esta estrada con fins comerciais e por traballo”, sinala o tenente de alcaldesa, Víctor Muíño, quen afirma que “daremos solución así a unha demanda histórica” solicitando a “comprensión” por parte da veciñanza, dado que “namentres duren os traballos produciranse os conseguintes contratempos tanto para vehículos particulares como comerciais, e aínda que agardamos, sexan polo menor tempo posible, agardamos nos desculpen as molestias ocasionadas”.