Mónica Rodríguez e o seu equipo de goberno reuníronse en Vimianzo coa xerente de SEA, Beatriz Sestayo, para visitar o parque empresarial do municipio e continuar a dando o pulo que precisa a superficie industrial con motivo das obras que se están a levar a cabo.
Nela, a compañía Gambaru Power está construíndo unha estación de servizo, que se espera abra as súas portas o vindeiro mes de outubro sobre unha parcela de 1.710 metros cadrados, adquirida coa modalidade de dereito de superficie (aluguer con opción de compra).
Nunha primeira fase instalarán a gasolineira, unha zona de cargadores eléctricos, unha área de venda, unha tenda cunha pequena cafetaría e un punto de recollida de Amazon. Iván Pardiñas, administrador de Gambaru Power, confirma a súa confianza no parque empresarial sinalando que “apostamos por Vimianzo porque cremos firmemente no potencial desta vila e na súa xente. É unha terra chea de vida, cun tecido social e económico en constante crecemento, e cunha localización estratéxica que a converte nun punto chave na Costa da Morte”.
De igual maneira, a primeira edil sinalou “a importancia de colaborar e traballar man a man con empresas como SEA, o que permite seguir mellorando e facendo crecer a Vimianzo”, continúa engadido que “o noso concello é un referente, e seguiremos traballando para posicionalo cada vez máis alto, pensando na súa xente”. Mónica Rodríguez destaca, ademais, “o favorecedor que resulta esta obra para o emprego e a riqueza do municipio que se verá, sen dúbida, rexenerada”.
Pola súa banda, Beatriz Sestayo manifestou a satisfación de SEA “ao ver como a aposta polo dereito de superficie posibilitou a implantación de empresas nos derradeiros anos, grazas ao traballo conxunto co Concello de Vimianzo”.
Nova parcela de Proclima
A empresa especializada en climatización e frío industrial, instalada dende hai varios anos en Vimianzo, adquiriu unha nova parcela de 952,21 metros cadrados no polígono do concello.
O parque empresarial conta con 84 parcelas libres que van dende os 600 metros cadrados das máis pequenas, ata os case 10.000 das máis grandes. Empresas de carpintería do aluminio e o pvc, de procesado do coiro e do sector dos solos pulidos de formigón son as que predominan no polígono industrial.