Este martes celebrouse unha xornada profesional organizada por Axober, centrada na importancia dun bo deseño nas cociñas profesionais como elemento clave para mellorar a eficiencia, a seguridade e o rendemento dos establecementos hostaleiros.
A xornada contou con Marcos Roig, representante de Grupo Roig, quen explicou de maneira detallada os principais aspectos que deben terse en conta á hora de planificar unha cociña profesional. Durante a súa intervención abordáronse cuestións como a correcta colocación dos equipos, a comparativa das principais marcas do mercado, a elección dos materiais segundo o seu uso e finalidade e os sistemas de extracción con compensación de aire inductor, fundamentais para garantir espazos funcionais, seguros e eficientes.
«Estas xornadas permiten achegar coñecemento técnico e solucións prácticas aos hostaleiros da comarca, que son unha peza fundamental do noso tecido empresarial», subliñou o presidente de Axober, quen agradeceu tamén a participación dos asistentes.
Como peche da sesión, Miguel Silvaredonda, xunto con parte do seu alumnado de FP Básica de Hostelería, ofreceu uns petiscos elaborados polo propio alumnado, poñendo en valor a importancia da formación práctica e o futuro profesional do sector hostaleiro.