O Calvo Xiria balonmán superou con nota o primeiro bloque que lle esperaba de dous partidos seguidos fóra da casa, fíxoo este sábado en Coia, Vigo, ante un rival moi difícil como é o Magope Seis Do Nadal. As previsións non fallaron e o Magope Seis do Nadal tuteou ao imparable líder do grupo da Primeira Nacional de balonmán, o Calvo Xiria, que levou a vitoria por un só gol (22-23) nun encontro que decidiu nos primeiros minutos da segunda parte. Porque ata o descanso, o conxunto vigués mantivo baixo control ao equipo que dirixe Adrián Dubra (12-12, min.30) grazas a unha férrea defensa e aos goles de Guillermo Rial, que acabou con oito. O conxunto carballés chegou a coller unha renda de seis tantos no inicio da segunda metade (13-19), pero o Seis do Nadal non se rendeu e apertou o marcador no tramo final, aínda que quedou sen tempo para completar o que podería ser a remontada.
20