Como marca a tradición, o último domingo do mes de xuño, que este ano será o día 29, celébrase a Festa da Carballeira de Baio; unha das festas cun gran espíritu familiar e tradicional que ten lugar nun espazo único e incluído dentro do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras.
Por este motivo, dende a organización – que corre a cargo do Concello de Zas coa colaboración da Comisión de Festas de Baio e da Asociación Cultural Adro – lembran a importancia de entre todos preservar o lugar evitando prácticas que danen a contorna. Por elo prohíbese entrar cos coches no recinto e estacionar nel, facer lume no chan, instalar carpas pechadas e poñer equipos musicais.
Unha das novidades deste ano é a imaxe do cartel e das camisetas, que xa están a venda no Bar Trébol, en Casa Rogelio e na Cervecería Río Grande; é que estrean unha imaxe totalmente renovada formada por un mapa cos lugares máis relevantes incluídos dentro do Carreiro do Río.
Coma sempre, será un día cargado de reencontros, de merendas familiares e de moita animación. A música comezará a soar a partir das 12:00 horas da man do grupo de gaitas da Asociación Cultural Adro. DJ Expósito, Dúo La Mekanica e o Dúo Son 2 encargaranse de animar a sesión vermú e a verbena. E pola tarde a Charanga Noroeste levará a súa música polas mesas.
20