‘Baio ten a pelota’, descontos, ruta de pinchos, artesanía, animación e 1.500 euros en premios

1 minutes read

Practicamente a totalidade dos establecementos hostaleiros e comerciais de Baio e de A Piroga (Concello de Vimianzo) participan na campaña  “Baio ten a pelota”, organizada nesta ocasión polo Concello de Zas.

Durante tres días (12, 13 e 14 de maio) nos comercios atoparemos importantes descontos en roupa de tempada e o sector hostaleiro ofrecerá unha variedade de tapas que se poderán degustar por 2,5€. Ademais da oferta comercial e gastronómica local, na rúa Bispo Romero Lema instalaranse uns quince postos de moda, complementos, artigos para o fogar e artesanía.

Promo do evento.

A vila está decorada para a ocasión con bandeirolas e con pelotas amarelas colgadas nas fachadas dos establecementos participantes. Todo un anticipo da festa e do ambiente que haberá en Baio durante estes tres días. E co fin de promover o comercio local, o Concello de Zas ten programadas as seguintes actividades:

  • Animación musical nas rúas 
  • Inchables e xogos infantís na Praza Jorge Mira Pérez
  • Talla con motoserra na Praza Jorge Mira Pérez
  • Teatro no Auditorio de Baio (sábado, 21:00 horas)

Compras con premio

A todo esto hai que sumarlle os 1.500€ – un 50% máis que nas pasadas edicións – que se repartirán en premios en metálico (un premio de 1.000 euros e outro de 500€) e que se sortearán entre todas aquelas persoas que consigan catro cuños de compra nos establementos participantes. 

O Concello de Zas asumiu a organización desta campaña de promoción do comercio local debido á falta dun equipo directivo que dirixa a Asociación de Empresarios Comarca de Soneira, entidade impulsora desta exitosa actividade.