A música galega terá unha importante presenza nos escenarios que Womex (Worldwide Music Expo), o máis importante encontro mundial de música folk e de raíz, despregará na cidade da Coruña para o desenvolvemento da súa 29ª edición do 25 ao 29 de outubro co apoio da Xunta de Galicia. Baiuca, Caamaño & Ameixeiras, Ailá e Trilitrate foron seleccionados como parte do cartel internacional de concertos do evento, que contará tamén cunha nutrida delegación artística e empresarial galega no recinto feiral que se instalará no Palexco.
A programación de Womex 2023 foi presentada este venres na Coruña nun acto que contou coa intervención do director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, xunto cos representantes das entidades e empresas locais que colaboran coa organización. Na súa intervención, cualificou como “todo un acontecemento a moi diferentes niveis” o regreso desta feira a Galicia tras as edicións que tiveron lugar en 2014 e 2016 na Cidade da Cultura e outros espazos de Santiago de Compostela.