Balneario de Mondariz, o mellor balneario e spa de Europa

1 minutes read

Balneario de Mondariz foi recoñecido co Premio Wellness Experience 2023, na súa primeira edición de ámbito europeo, que recoñecen os mellores spas, balnearios e centros de talasoterapia do ano en España, Portugal e Andorra e desde este ano do continente europeo. Un galardón especial do Xurado, entregado nunha gala no marco da Fira de Barcelona, como. recoñecemento á tradición termal do establecemento galego que este ano cumpre 150 anos.

Este certame distingue a innovación e excelencia dos establecementos de wellness tanto nas súas instalacións, como no seu modelo de xestión, terapias e tratamentos, poñendo en valor a actividade do sector da saúde e o benestar a través da auga.  Na súa decisión, o xurado valora cuestións relacionadas coa innovación, a sustentabilidade e a calidade. Terase en conta a arquitectura; o equipamento e a contorna; as técnicas terapéuticas e programas singulares e exclusivos; as estratexias de comunicación e márketing; o modelo de xestión; protocolos propios de interacción co cliente ou a relación calidade-prezo. Igualmente inflúe favorablemente o uso eficiente dos recursos (auga, enerxía, materias primas), o respecto ao medio ambiente, a conectividade, a dixitalización e proxectos baseados en innovación tecnolóxica de alto impacto.

Os premios Wellness Experience que organiza a Fira de Barcelona, e que están coordinados por Torrens&Pacheco Consultores, intégranse no salón do sector que se celebrará na Cidade Condal. Un certame en continuo crecemento que deixa claro que o sector do wellness-spa experimentou un desenvolvemento espectacular nos últimos anos. Mesmo durante a pandemia soubo posicionarse con seguridade dentro dun mercado que cada día demanda máis este tipo de produto e que se está erixindo como un dos segmentos da industria turística con maior índice de crecemento e mellores perspectivas de futuro.