O presidente da Deputación de Ourense e do Partido Popular na provincia, Manuel Baltar, foi detectado a 173 quilómetros por hora na Autovía das Rías Baixas (A-52) o pasado 23 de abril, un domingo, no transcurso da mesma viaxe en que foi sancionado por circular a 215, a pesar do límite xenérico das autovías, e tamén neses dous puntos, é de 120 km/h. A Garda Civil de Ourense confirmou este luns esta información. O coche oficial de Baltar foi detectado por un veloláser ás 17:44 horas no punto quilométrico 210, á altura de Allariz a 173; e ás 18:38, menos dunha hora despois, recibiu o alto por ir a 215, xa na provincia de Zamora, no punto quilométrico 67 da mesma autovía. Deste xeito o presidente da Deputación de Ourense percorreu 143 quilómetros en 54 minutos por esa autovía.
O coordinador xeral do PP, Elías Bendodo, alegou este luns durante a súa visita a Carballo, tras ser preguntado pola situación de Manuel Baltar, que os políticos son “o reflexo da sociedade”. “Non somos, nin moito menos, doutro planeta e cometemos erros”, concluíu.