Baltar nega ante o Supremo que conducise a 215 por hora

1 minutes read

O senador do PP e expresidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, compareceu este martes de forma voluntaria como imputado no Tribunal Supremo. Acusado de conducir a 215 quilómetros por hora por unha estrada de Zamora en dirección a Madrid, o senador negou que fose efectivamente a esa velocidade: “Non ía nin sequera a 200 por hora, é unha cifra que non consta nesas actuacións”, dixo o seu avogado. A súa declaración contradí o afirmado nesta causa, entre outros, pola Fiscalía, que no seu escrito de acusación pediu para el unha multa de 1.800 euros por “un delito contra a seguridade viaria, na modalidade de condución de vehículos de motor a velocidade superior á legalmente permitida”. O caso sufriu varios atrasos e o que nun primeiro momento ía tramitarse como un xuízo rápido terminou na Sala do Penal do Tribunal Supremo despois de que Baltar fose designado senador autonómico do PP por Galicia e pasase a estar aforado ante o alto tribunal. A maxistrada Ana Ferrer tivo que pedirlle dúas veces que viñese voluntariamente a declarar antes de ter que pedir un suplicatorio á cámara alta.