Bartomeu dimite como presidente do FC Barcelona

Foto.- fcb.

O presidente do FC Barcelona, Josep Maria Bartomeu, e toda a súa xunta directiva presentaron este martes a súa dimisión en bloque, polo que o club queda en mans dunha xunta xestora que convocará eleccións antes de tres meses.

A crise xerada pola convocatoria da moción de censura, a terceira da historia da entidade, e as diferenzas de interpretación coa Generalitat de Cataluña sobre os prazos da mesma en plena pandemia foron o detonante da situación.
Bartomeu, directivo con Joan Laporta (2003-2005) e vicepresidente deportivo con Sandro Rosell (2010-2014), accedeu ao cargo en xaneiro de 2014 como presidente interino tras a marcha de Rosell. En xullo de 2015 foi elixido como presidente para un mandato que vencía a finais do próximo xuño.

O xa dimitido presidente do Barcelona, nunha comparecencia sen preguntas, comentou que a decisión se tomou «de maneira serena e acordada» por todos os compoñentes da directiva e cargou contra a Generalitat de Cataluña por non ofrecer «cobertura legal» á petición do club de realizar o referendo en diferentes sedes, para o que solicitara quince días de prazo extra.