Baskonia sofre para gañar a un mermado Obradoiro


Vitoria baskonista ante Obradoiro por 80 a 74 o pasado domingo en Vitoria, no día no que os da capital arabesa conseguían a súa vitoria número 1.000, entre liga nacional e ACB. Acudía Obradoiro moi lastrado polas baixas, máis pola importancia das mesmas que polo seu número. A pesar de todo, eran 3 dos chamados a ser titulares os que non xogarían o partido. Non se arriscou con Ozmizrak, practicamente recentemente saído da súa lesión, o que lle impediu estrearse aínda cos seus compañeiros. Ademais, a participación de Daum, a quen lle restan 4 ou 5 semanas aproximadamente, e o todopoderoso Birutis, quen se está consolidando como o mvp do persoal, eran imposibles. A iso hai que engadirlle a un Enoch, quen si xogou, pero rengueante, froito da xogada fortuíta na que tanto el como o lituano sufriron senllas escordaduras nunha sesión de adestramento a pasada semana, levando este último a peor parte por afectación aos ligamentos.

Con este panorama, saltaban á cancha do Fernando Buesa Area os de Moncho Fernández, coa intención de competir e poñerllo difícil ao actual campión de liga. E de seguro conseguírono. Arrincaba o primeiro cuarto cun 8-0 de parcial inicial para Baskonia, que saía de fronte cun quinteto inicial alto, tratando de impoñer a súa lei na pintura e aproveitar esa suposta debilidade de xogo interior, no día de onte. Obradoiro encomendábase a Robertson e o empate a 8 acendía o luminoso no minuto 6. Ademais, xurdía a figura do onte MVP, Cohen (17 puntos, 10 rebotes, 2 asistencias e 23 unidades de valoración) para igualar a loita de pivotes e pelexar o rebote con maior acerto e efectividade. Acababa o primeiro cuarto con 17-15 para os de casa.

O segundo cuarto xogouse ao ritmo que conviña aos santiagueses. Os de Ivanovic empezaban con forza, sacando unha primeira vantaxe de 5 puntos antes do ecuador do cuarto, pero un parcial compostelán de 5-17 acendía as alarmas vascas e poñía o marcador nun esperanzador 29-36 a un minuto de enfilar o túnel de vestiarios. Finalmente chegouse ao descanso con 34-36 para os de Santiago.

Tras o parón, os homes de azul e vermello subiron a intensidade, algo previsible e que os galegos esperaban e trataron de contrarrestar. Enoch demostrou dureza e profesionalidade multiplicándose para tratar de suplir a importantísima baixa de Birutis. A pesar de que nalgún momento púidoselle observar unha “ cojera” que trataba de disimular, aguantou a Fall cos seus 2,21 metros de altura, á vez que contribuía con canastras (acabou con 7 puntos). A falta de 3 minutos para finalizar o terceiro cuarto mandaba Obradoiro por 5 puntos, 47-52. Foi cando apareceu o “desfalecemento” á que aludía o coach visitante tras o partido: “No terceiro cuarto hai 2 ou 3 minutos de lagoa defensiva que nos pasan factura”. Sedekerskis (9 puntos, 4 rebotes e 14 de valoración) xunto cun sensacional Luca Vildoza (19 puntos, 1 rebote, 5 asistencias e 20 de valoración) foron os responsables da escapada vitoriana, permitíndose incluso este último un 3+1 demoledor.

Parcial de 15-3 para finalizar o terceiro acto e 62-55 na antesala do cuarto final. No último cuarto Cohen e Robertson (15 puntos, 4 rebotes, 2 asistencias e 8 de valoración) botábanse ao equipo ás costas. Kassius anotaba, para emendar en parte os erros de pase que tivera durante o partido, traducidos en importantes perdas visitantes.74-68 a 4 minutos do final do partido e Ivanovic respondía co seu cinco de gala para evitar que se lle puidese escapar a vitoria que xa intuía. Máxima intensidade defensiva baskonista e Obradoiro que perdía aínda máis efectivos para a causa por 5 persoais: Czerapowicz e Enoch. De aí ao final intento galego desesperado, pero sentenciaba un triplo de Peters a un minuto do final deixando a diferenza en 8 puntos e concluía o partido co xa coñecido 80-74 final.

Nova derrota de Obradoiro quen se asenta na zona intermedia, cun tamén intermedio porcentaxe, con 5 derrotas e 5 vitorias. Presumible era perder o partido, polo escenario, polo rival e, sobre todo, polas circunstancias das importantes baixas que lastraron o potencial do equipo da capital de Galicia. A pesar de todo, Obradoiro merece un 10 en entrega e loita, vendeu cara a súa derrota e, quizais, de ter algo máis de acerto e menos de relaxación defensiva puntual, a historia fose ben distinta.

Próximo partido, sábado 21 de novembro ás 20:45 horas contra Burgos no Fontes do Sar. Agardamos reacción e vitoria, e que o bo xogo ao que aludía un frustrado Cohen, tradúzase en vitorias. E que non sexa morrer na beira tras tanto e moi ben nadar, en augas turbulentas.

ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO