Beiras e Noriega acompañarán a Pontón este venres en Santiago nun acto aberto ó público

1 minutes read

Xosé Manuel Beiras e o actual portavoz de Anova, Martiño Noriega, implícanse na campaña do BNG e participarán coa súa candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, nun acto esta sexta feira en Compostela. Será a partir das 17:30 horas no Hotel Compostela e moderado pola directora e periodista, María Obelleiro.

Anova así o comunicaba nas súas redes, en conxunto co BNG: “O vindeiro venres, en formato ‘desenchufado’, o irmán Beiras e eu estaremos á beira de Ana en Compostela, alentando ventos de cambio para o noso país”, publicou na súa rede social Martiño Noriega, así como as contas oficiais de ambas as formacións, baixo o epígrafe ‘Polo cambio galego!’.

Toma concreción así o acordo asinado o pasado 14 de xaneiro entre o BNG e Anova e polo cal, entre outras cuestións, desde a Irmandade Nacionalista chamábase a concentrar o voto en Ana Pontón de cara ao 18-F. A petición de voto para o BNG, por parte de Anova xa fora explicitada para as eleccións estatais de 23 de xullo do ano pasado; mais nesta ocasión esa petición enmárcase nun acordo entre ambas as dúas formacións.

Martiño Noriega, portavoz nacional de Anova dixo que o 18-F “xogámonos moito” para erguer un “dique de contención” contra as políticas do PP ao longo destes 14 anos, que empeoraron notabelmente a vida das persoas en campos tan importantes como os servizos públicos .

Pola súa parte, Ana Pontón apelou a que a “prioridade política neste momento” é o “cambio”, un cambio “liderado polo nacionalismo” e que “está máis perto” co acordo asinado con Anova.