Bernardo Fernández amosou a súa seguridade en que o PSdeG ‘obterá de novo a confianza cidadá’

1 minutes read

Bernardo Fernández, secretario xeral provincial do PSdeG na Coruña, amosou este venres a súa seguridade “en que da man de José Ramón Gómez Besteiro, o partido obterá en toda Galicia a confianza dos cidadáns que xa temos os socialistas en numerosos concellos”.

“Somos un partido de vocación municipalista e nos concellos demostramos que somos a mellor opción para mellorar a vida da xente”, afirmou Fernández na súa intervención no comité provincial na Coruña. “Estou convencido de que nos próximos catro anos obteremos tamén a confianza dos galegos e galegas da man de Besteiro”, engadiu.

“O partido está unido arredor de Besteiro, que xa demostrou a súa capacidade de xestión e ten catro anos para explicar o seu proxecto”, apuntou o secretario xeral provincial, convencido de que “o cambio que necesita Galicia só pode chegar se o lidera o PSdeG”.

“Asumimos o resultado electoral e respectamos a decisión dos galegos e galegas, a diferencia do que fan outros partidos cando perden, e nos próximos catro anos traballaremos sen descanso para explicarlle á cidadanía o proxecto que temos”, afirmou.

“O primeiro que fixemos é poñer en marcha un proceso de primarias aberto a toda a militancia para elixir ao noso secretario xeral, que liderará unha etapa que estou convencido de que será moi positiva para o socialismo galego”, rematou.