- A Xunta, a Fundación Repsol e a Editorial Galaxia colaboran neste galardón entregado este xoves.
Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987), foi a gañadora desta XIV edición con Illa Decepción, xa acadara este mesmo galardón na VIII edición con O derradeiro libro de Enma Olsen. O recoñecemento está dotado con 12.000 euros e a publicación do libro por parte da Editorial Galaxia. O xurado elixiu esta obra por unanimidade, descrita como “unha novela de autorepresentación, na que a autora navega polos lugares cotián cunha delicadeza estilística posuidora de grande elegancia, ao tempo que expón cuestións de gran calado respecto da familia, das relacións interpersoais, da maternidade e da pertenza a un lugar e unha comunidade”.
Berta Dávila é autora de poemarios como Corpo baleiro e Raíz da fenda (Premio Johan Carballeira, Premio da Crítica española e Premio da AELG). No eido da narrativa, iniciouse con Bailarei sobre a túa tumba (Premio Biblos de Novela), á que seguiu o libro de relatos A arte do fracaso, traducido para o castelán e o xaponés.
O derradeiro libro de Emma Olsen, ademais de recibir o Premio de Narrativa Breve Repsol en 2013, obtivo o Premio Ánxel Casal ao Mellor Libro de Ficción. Tamén obtivo o Premio como Autora do Ano 2013 da AELG. A todos estes galardóns súmase o Premio da Crítica 2019 na modalidade de narrativa en galego outorgado pola AECL por Carrusel (Galaxia), co que xa gañara o XXXI Premio de Novela Manuel García Barros.
No acto de entrega, celebrado no Pazo de San Roque, sede da Secretaría Xeral de Política Lingüística, participaron o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, a subdirectora de Relacións Institucionais da Fundación Repsol, Arantzatzu Hernanz; o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. A cita contou cun recital das cantantes, Xiana Lastra e Andrea Porto, integrantes da Banda da Loba.