O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, acusou este domingo a Rueda de “mentir sobre o colapso que hai nas Urxencias dos principais hospitais de referencia de Galicia”, xa que tanto usuarios como sindicatos e profesionais confesan “estar ao límite”, informan “dun pico nunca visto antes” e advirten de que “aínda non chegou o peor”. Unha saturación que “están a sufrir os sete hospitais de referencia do noso país: todos estamos a ver as situacións e as imaxes que se viven a diario”, explicou.
O candidato socialista considera que esta “situación estoupa en Urxencias, pero non é un problema de Urxencias senón que vén derivado do peche de centros e consultas de Atención Primaria, como en Monforte ou Chantada, e a escaseza de médicos de familia, que tamén están desbordados polos recortes”.