O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou este sábado que cando chegue ao goberno galego implementará a “liberalización da peaxe da autovía AG-55 entre A Coruña e Carballo” por considerala “totalmente inxusta e discriminatoria” para a veciñanza de Bergantiños e da Costa da Morte que leva anos pedindo a gratuidade deste treito. Con esta medida, o tamén deputado nacional, considera que se contribúe a acadar unha maior equidade e igualdade entre os galegos con independencia da zona na que vivan: “Non pode ser que de forma completamente arbitraria unha parte da cidadanía teña que pagar por achegarse a un xulgado, a un hospital, ou mesmo ir traballar, mentres para outros o custe é cero. É unha cuestión de xustiza e solidariedade”, engadiu.
Besteiro recordou que a AG-55 naceu coma unha vía pública e de balde, que os populares privatizaron no ano 97 coa construción do tramo entre A Laracha e Carballo, logo dun proceso de expropiación aos veciños destas comarcas para unha autovía pública que agora teñen que pagar. Un engano que supón un lastre económico para o seu futuro e é discriminatorio, máis cando a autoestrada A Coruña-Carballo é a arteria principal de comunicación entre a capital e A Costa da Morte. O candidato socialista á Presidencia da Xunta subliñou que a súa proposta e liberala de peaxes, e puxo como exemplo a xestión dos socialistas galegos co Goberno, que suporá rebaixas de ata o 75% nas peaxes da AP-53 e AP-9 cos Orzamentos do 2024, e sempre fixando como obxectivo chegar á gratuidade.
Fronte a esta xestión, Besteiro opuxo a do Partido Popular, que cualificou de nefasta e, nomeadamente a realizada na Autovía da Costa da Morte, que 30 anos despois da inauguración do seu primeiro tramo segue sen rematar, incidindo no illamento e falla de oportunidades de desenvolvemento de toda a zona. A sangradura é maior no tramo entre Baio e Berdoias, de escasamente 15 quilómetros, que o popular Alfonso Rueda foi incapaz de acabar tres décadas despois poñendo de manifesto o nulo compromiso coas comarcas da Coruña, Bergantiños e da Costa da Morte.