O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, comprometeu este luns con médicos e persoal sanitario un gran acordo de país con 15 eixos para recuperar a sanidade pública, universal e de calidade logo dos recortes do PP. Besteiro presentou este acordo nun encontro sectorial con persoal sanitario en Burela -Lugo-, baseado en rescatar a Atención Primaria, duplicar os profesionais de Saúde Mental e axilizar as probas diagnósticas, entre outras medidas.
Anunciou un Plan de choque para incrementar o investimento na sanidade pública, reforzando a Atención Primaria, garantindo a cita co médico de cabeceira en menos de 48 horas e acceso a un centro sanitario en menos de media hora para toda a cidadanía. Ademais, habilitará o uso das instalacións hospitalarias en horarios ampliados con contratacións extraordinarias para rematar coas listas de espera de consultas, probas diagnósticas e cirurxías.
O candidato socialista comprometeuse a recuperar de forma progresiva o investimento recortado polo PP, que fixo de Galicia a segunda Comunidade Autónoma con menos investimento, apenas un 14% do Orzamento. “A sanidade publica está enferma coas políticas de Rueda pero temos solucións. Hoxe se funciona é polo esforzo dos seus traballadores e non pola súa dirección”, engadiu.
Alertou de que actualmente hai 11.500 nenos e nenas galegos de 122 concellos que non teñen servizo de Pediatría, polo que garantiu o servizo en todo o territorio. Tamén anunciou o reforzo dos recursos de hospitalización a domicilio e o aumento do volume de ambulancias na rede galega incorporadas ao sistema público.