O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, abriu o Comité Nacional Galego cunha mensaxe de alerta e esperanza ante un momento político “extraordinariamente difícil”, marcado polo avance da ultradereita, a crispación organizada e o aumento das desigualdades. Subliñou que Galicia e España viven un tempo decisivo no que “están en xogo os dereitos, a convivencia e o propio rumbo democrático”, e no que o Partido Socialista “é hoxe o principal dique fronte a quen pretende retroceder décadas”: “Vivimos unha ofensiva reaccionaria, pero non van quebrar a nosa ilusión nin a nosa forza”.
Besteiro advertiu de que o avance da ultradereita en España e en Europa está arrastrando tamén ao PP “a posicións cada vez máis radicais”, nun contexto no que “a barbarie internacional se converteu nun ruído de fondo” e no que a política precisa máis que nunca “claridade, serenidade e compromiso democrático”.
Cualificou de “ameaza real” a penetración desta extrema dereita en Galicia, lembrando que as enquisas xa reflicten un incremento sostido do apoio ás súas teses e que o PP “adáptase a elas sen pudor, asumindo o seu marco ideolóxico”.
Besteiro, fixou «a primeira meta» dos socialistas galegos nas eleccións municipais do ano 2027, que afronta, asegurou, con perspectivas positivas e coa confianza de que será «un ano positivo para o PSOE, para Galicia e para España».