Betanzos renova o sistema de funcionamento dos semáforos

1 minutes read

Trátase dun proxecto que se financia con fondos propios e no que se invisten uns 60.000 euros. Con esta actuación o goberno local busca renovar todos os equipos reguladores, que son antigos e que nos últimos anos ocasionaron numerosos problemas, especialmente coincidindo con alteracións meteorolóxicas.

O proxecto recolle a renovación da rede semafórica no cruzamento da avenida Coruña (Instituto As Mariñas), cruzamento da avenida de Castela-Concepción Arenal, cruzamento da avenida Fraga Iribarne, cruzamento da avenida Jesús García Naveira, Centro Pai Menni, cruzamento García Naveira (gasolineira),cruzamento da praza dos Irmáns García Naveira, cruzamento da Ponte Nova, cruzamento da Ponte Vella e cruzamento de Saavedra Meneses. Os semáforos pasarán a utilizar tecnoloxía actual, instalando tamén pulsadores onde está regulado o paso peonil, co pintado de báculos e renovación de pantallas.

Este proxecto completa outro que consistiu na mellora de 40 pasos de peóns en distintas zonas da cidade a través dunha nova iluminación led, especial para este tipo de sinalización.