Betanzos reurbanizará no centro histórico as rúas Nova e Hórreo

1 minutes read

As obras, que están en fase de licitación ata o 30 de xullo, enmárcanse no plan de mellora das rúas do centro histórico que está a acometer o Concello de Betanzos e suporán unha renovación en profundidade destas vías, recuperando o carácter noble e ordenado coherente co seu emprazamento.

O proxecto suporá a demolición dos actuais pavimentos de formigón para a súa substitución por outros máis acordes co entorno, que contribuirán á súa revalorización patrimonial, social e turística. O novo pavimento executarase en lousas de granito silvestre en todo o seu trazado, incluindo a banda de rodadura dos vehículos.

Desaparecerán as bandas pintadas dos pasos de peóns, que se identificarán coa ubicación de sinais e bolardos e que irán a idéntica rasante que o resto dos pavimentos, eliminando completamente as barreiras arquitectónicas dacordo coa normativa vixente.

Renovarase tamén toda a sinalización urbana sobre postes metálicos e as papeleiras, que serán substituidas por outras de aceiro segundo o modelo proposto polo Concello de Betanzos.

As obras inclúen tamén a renovación completa da rede de saneamento, subtituindo as antigas canalizacións de formigón por unhas novas de PVC de 250 mm diámetro e separando a rede de recollida de pluviais de forma separativa. Acometeranse novos pozos de rexistro, arquetas e sumidoiros.