O BNG acusa o PP de pisar o acelerador para facerse co control absoluto da radio e a televisión públicas

  • Olalla Rodil ve no ‘dedazo’ na CRTVG un “enorme retroceso democrático” a mans do PP, que non cre no pluralismo nin na liberdade informativa.

“O PP máis ultra da historia pisa o acelerador para facerse co control absoluto dos medios públicos galegos, para seguir exercendo control político sobre a CRTVG”. Así reaccionou a viceportavoz primeira do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, despois de que o Pleno do Parlamento aprobase, en terceira votación e só cos votos dos deputados populares, o nomeamento de Concepción Pombo Romero como nova directora da Corporación da Radio e a Televisión de Galiza (CRTVG).

“O PP impuxo un dedazo á fronte da CRTVG nomeando como nova directora á responsábel da manipulación informativa desde 2018”, manifestou tras a votación e  unha vez que o Partido Popular impediu coa súa maioría absoluta a intervención dos grupos parlamentarios para fixar a súa posición antes da votación definitiva.

Segundo Olalla  Rodil, con esta decisión o PP só busca exercer o control político absoluto sobre a radio e a televisión de Galiza, para continuar facendo da CRTVG “o seu terminal de propaganda”. Máis tendo en conta que hoxe en día “xa é case imposible diferenciar o argumentario do PP das escaletas do telexornal”.

A deputada nacionalista lembra que, a consecuencia desa “manipulación extrema”,  o BNG viuse obrigado a recorrer á Xustiza para defender a verdade e esixir o dereito de rectificación diante das mentiras, unha rectificación que a CRTVG, que tivo que  asumir tamén as costas do xuízo,  emitiu esta pasada fin de semana.

Trátase, explicou Rodil, dun exemplo máis de como ao Partido Popular “non lle importa arrastrar pola lama a radio e a televisión pública de Galiza só para poñela ao seu servizo”, obxectivo no que se enmarca o ascenso da “responsable da manipulación informativa”, poñendo á fronte da Dirección Xeral a quen foi directora de informativos desde 2018.

“No BNG comprometémonos a seguir traballando para gobernar este País e devolverlle a radio e a televisión ás galegas e aos galegos, porque ademais dun dereito fundamental é xa unha cuestión de hixiene democrática”, concluíu.

Related posts

A Xunta suspende feiras, concursos e certames de gando ante a dermatose nodular contaxiosa

Falece o ocupante dun turismo accidentado en Lugo, tiña 23 anos

Rueda reivindica o liderado de Galicia no sector da acuicultura e aposta por atraer novos investimentos