A deputada do BNG, Olalla Rodil e o secretario de Comunicación, Xavier Campos presentaron este xoves o lema e imaxe gráfica da vindeira XVII Asemblea Nacional da formación nacionalista que terá lugar o 7 de novembro no Coliseum da Coruña.
Baixo o lema “Gañar unha nova Galiza”, o BNG encara a XVII Asemblea Nacional con dous obxectivos: ensanchar a base social do BNG e conseguir o cambio político e transformador que precisa Galiza cunha Xunta presidida, por primeira vez, por “unha muller nacionalista e feminista como Ana Pontón”, afirmou a deputada, Olalla Rodil. Será a militancia, recalcou Rodil, a que decidirá a “liña política da organización” para os próximos anos.
Pola súa parte, o secretario de Comunicación do BNG, Xavier Campos recalcou que o BNG “abre unha nova etapa” coa celebración da Asemblea Nacional e cunha mensaxe que queremos enviar dende o primeiro día “imos saír a gañar” e por iso o noso lema, “Gañar unha nova Galiza” define claramente a ilusión e ambición política que nos vai mover nos vindeiros anos.