BNG | «Representamos a loita contra o Darth Vader do centralismo madrileño»

1 minutes read

A portavoz nacional, Ana Pontón, encabezou o acto de recepción que o BNG ofreceu ás delegacións das forzas políticas de dentro e fora do Estado español, máis dunha trintena de partidos, convidadas á celebración do Día da Patria. Un acto no que a líder do Bloque destacou o papel das forzas nacionalistas e soberanistas en defensa da democracia e dos dereitos sociais, ante a deriva involucionista e a dereitización do Estado español.

Entre os presentes tamén estivo o presidente de Esquerra Republicana de Catalunya, Oriol Junqueras. Todos coinciden nas mensaxes de xustiza social e autodeterminación. Junqueras dixo que, ás veces, para conseguir eses obxectivos mesmo hai que pasar polo cárcere. Así mesmo, amosouse seguro de que Ana Pontón será a presidenta dunha Galicia republicana. 

Pola súa parte, Pontón destacou a defensa dos dereitos sociais, dos dereitos dos pobos, a defensa da democracia é un camiño ao que non van renunciar por moito que se “empeñe” un Estado español “no que costa suor e bágoas defender dereitos como a autodeterminación dos pobos, pese a ser unha ferramenta a favor das persoas”. “Representamos a loita contra o Darth Vader do centralismo madrileño que está do lado dos lobbys e contra da xente do común”, proclamou, “dando a batalla a favor dos dereitos sociais e das liberdades”.