Boas previsións para a Semana Santa en Galicia, con zonas cunha ocupación superior ao 80%

1 minutes read

De cara á celebración de Semana Santa o sector turístico avanza boas perspectivas con previsións de ocupación entre o 60% e o 80%, se ben existen territorios que agardan acadar incluso ocupacións maiores como poden ser Santiago de Compostela, Ferrol ou Viveiro, polos de atracción polas celebracións vencelladas á Semana Santa.
A meteoroloxía, as viaxes de proximidade e as reservas de última hora marcarán as ocupacións finais, aínda que o ritmo de chegada de peregrinos que se detecta nas últimas semanas apunta a unha Semana Santa boa para o sector. De feito, só na primeira semana do mes de abril chegaron a Santiago case 4000 peregrinos, máis dos que se chegaron en todo o mes de xaneiro e febreiro e tres veces máis dos que chegaron no mesmo período o ano pasado.
Segundo traslada o Clúster Turismo de Galicia, o ritmo de reservas foi bo nestas semanas, sendo maioritario o viaxeiro de procedencia nacional e de proximidade a Galicia. Espérase que entre o xoves e o domingo, os días centrais da Semana Santa se acaden as mellores cifras. Por sectores, o hoteleiro, especialmente os que ofrecen servizos complementarios vencellados co turismo termal, e o turismo rural, agardan boas cifras de ocupación, especialmente os situados na Ribeira Sacra ou na Mariña lucense.