Boiro reforza o seu servizo de Axuda no Fogar

1 minutes read

O deputado provincial, delegado da área de Asistencia aos Concellos, José Manuel Lage Tuñas, e a deputada responsable de Educación, Sandra González, reuníronse co alcalde de Boiro, José Ramón Romero (Martiño) e cos membros do goberno municipal para analizar as necesidades do municipio tras a crise sanitaria da Covid-19.

Lage afirmou que inicia unha rolda de contactos coa que o Goberno provincial pretende escoitar as necesidades dos municipios para facer fronte aos efectos sociais e económicos da pandemia, unha vez superada a crise sanitaria.

O deputado lembrou que o pleno da Deputación vén de aprobar por unanimidade unha achega extraordinaria de 19 millóns de euros dentro do Plan Único para apoiar aos concellos coruñeses a paliar os efectos da Covid-19, dos que a comarca da Barbanza recibe 2,2 millóns de euros e Boiro preto de 300.000 euros.

«Son fondos destinados a apoiar aos concellos tras o coronavirus tanto reforzando os servizos sociais como a axudándolles na recuperación económica», afirmou Lage Tuñas, que tras a reunión coa alcalde Martiño aprecia «que os fondos son útiles e cumpren o fin para o que foron pensados».

Pola súa banda, o alcalde boirense agradeceu a visita dos deputados provinciais, subliñou «a aposta» do seu goberno por reforzar a área social e destacou «a utilidade duns fondos que nos permiten reforzar o servizo de Asistencia no Fogar ou comprar EPIs». Martiño aclarou tamén que parte dos fondos, entorno aos 200.000 euros, se destinarán a mellorar a accesibilidade de catro parroquias e catro núcleos rurais do concello, contribuíndo así a mellorar infraestruturas e reactivar a economía local.