Bruxelas ameaza con expedientar a Polonia polo bloqueo fronteirizo

1 minutes read

A Comisión Europea (CE) criticou este mércores a «falta de implicación» das autoridades polacas para resolver o «inaceptable» bloqueo das súas fronteiras por parte de transportistas polacos que protestan pola presenza de camioneiros ucraínos e ameazou con abrir un expediente de infracción por non cumprir a lei.

«A situación é absolutamente inaceptable. Desde o principio das protestas estivemos implicados tentando discutir con todas as partes. Non hai boa fe para atopar unha solución e hai case unha completa falta de implicación das autoridades polacas», dixo a comisaria europea de Transporte, Adina Valean, nunha rolda de prensa preguntada pola situación na fronteira.

Polo menos tres pasos fronteirizos entre Polonia e Ucraína foron bloqueados por camioneiros polacos que protestan polos efectos negativos que a entrada de transportistas ucraínos ao mercado da Unión Europea tivo sobre os seus ingresos, unha situación que dura xa semanas e levou a Kiev a empezar a evacuar aos seus nacionais.

A comisaria europea insistiu en que «as autoridades polacas son as que se supón que teñen que facer cumprir a lei nesa fronteira» e subliñou que, aínda que Bruxelas apoia o dereito para protestar, «a UE enteira e, non digamos Ucraína, un país en guerra, non pode ser tomada como refén polo bloqueo das fronteiras externas».