A Comisión Europea anunciou este mércores a apertura dunha investigación en profundidade sobre a compra de Air Europa por parte do grupo IAG, ao que pertence Iberia, ante a sospeita de que a operación podería reducir a competencia en varias rutas de curta e longa distancia tanto dentro como fóra de España.
“Queremos asegurarnos de que a operación non afecte negativamente os prezos ou a calidade dos servizos de transporte aéreo de pasaxeiros dentro e fóra de España”, explicou nun comunicado a vicepresidenta do Executivo comunitario responsable de Competencia, Margrethe Vestager.
O departamento que dirixe a danesa dispón agora de 90 días laborables, ata o 7 de xuño, para emitir un ditame, aínda que este prazo pode ser ampliado.