Burela recupera a mobilidade

1 minutes read
  • Seguirán vixentes as medidas de redución de aforos e o cumprimento dos horarios de apertura e peche

O concello de Burela recupera a mobilidade despois de que este mércores o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, anunciara nunha rolda de prensa que a partir das doce da noite de hoxe se levantaba a limitación da mobilidade no municipio, o único de todo o distrito sanitario da Mariña que aínda tiña restrinxido o movemento polos rebrotes de coronavirus.

Así, Burela únese aos concellos de Barreiros, Cervo, Foz, Ribadeo, Viveiro e Xove que xa tiñan mobilidade completa dende a pasada semana e aos de Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Trabada, O Valadouro e O Vicedo, que recuperaron a mobilidade sen restricións hai quince días.

Para o conxunto de concellos do distrito da Mariña seguen vixentes as medidas de prevención de redución de aforos nos bares e centros de ocio ao 50% e o cumprimento dos horarios de apertura e peche. Tamén se manteñen os límites xerais de 60 persoas para actividades en espazos pechados e 150 ao aire libre, e un máximo para grupos de persoas non convivintes de 10.

Almuiña insistiu de novo na súa preocupación polas xuntanzas de xente nova e polos casos importados, e lembrou que a Xunta de Galicia ten activado un teléfono específico, o 881 00 20 21, para atender a todas aquelas persoas que visiten Galicia nos vindeiros meses.