O candidato do PSdeG-PSOE á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, sinalou este martes que as eleccións do vindeiro 5 de abril xóganse “entre un proxecto de recortes en educación e sanidade públicas e un proxecto de esperanza que aposta polo estado do benestar”.
“Todos os que queren un estado do benestar potente e uns servizos públicos de calidade, e castigar a un Feijóo que se esqueceu dos que máis necesitan a axuda da Xunta, que acompañen un proxecto de cambio por unha Galicia mellor”, recalcou Gonzalo Caballero.
Así o dixo durante a visita a Vilagarcía coa que pechou a rolda de contactos cos alcaldes socialistas das cidades, posto que o rexedor, Alberto Varela, é ademais o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias. Tras amosar o seu “compromiso” coa vila, o líder socialista garantiu “unha Galicia a carón dos concellos”, que se están vendo obrigados a paliar a inacción da Xunta de Feijóo.