Cabana acollerá o 16 de setembro unha andaina solidaria contra o cancro

1 minutes read

Cabana de Bergantiños porase un ano máis ‘En marcha contra o cancro” coa andaina solidaria que se celebrará o vindeiro 16 de setembro. A saída constará dun itinerario circular de 3,6 quilómetros de lonxitude que sairá ás 16.30 horas desde a praza do Pendón para pasar polas praias do Curro e da Orixeira ata regresar ao punto inicial. Ademais, media hora antes do comezo da andaina haberá unha sesión de ioga como pre quecemento.

As persoas interesadas en participar poderán anotarse na librería A Nasa de Neaño, a través dos Membros da Xunta Local da Asociación Española Contra o Cancro de Cabana de Bergantiños ou na web https://www.rockthesport.com/es/evento/cabana-de-bergantinos-en-marcha-contra-o-cancro-2023

Cada inscrición terá un prezo de 5 euros para adultos e de 3 euros para nenas e nenos de ata 12 anos de idade, e as persoas que desexen participar pero non poidan asistir poderán obter o seu dorsal solitario na páxina web.

Desde o goberno local convidan a toda a veciñanza “a asistir para gozar dunha xornada de gran importancia polo seu carácter solidario e na que de seguro todas as persoas asistentes poderán desfrutar dunha xornada repleta de deporte e diversión”.