Cabana acolleu unha nova edición da Romaría de Inverno

1 minutes read

O campo de San Fins do Castro acolleu este venres unha nova edición da xa tradicional Romaría de Inverno no Verán de San Martiño cunha rica oferta de propostas para a rapazada local.

A xornada contou coa animación musical a cargo de Os Monifates, O Son do Castro e co espectáculos de contacontos ofrecido por Anxo Moure, quen tamén levou a San Fins do Castro a súa barca para que se subiran a ela todos os cativos que así o desexaran.

Non faltaron tampouco os percorridos no tren turístico, a degustación de castañas asadas e chocolate con churros para todas e todos os asistentes e, por suposto, o clásico berro seco.

Con esta actividade, o Concello de Cabana avanza na súa programación cultural de outono dándolle continuidade ao que definen como “un dos eventos que máis arraigo está creando entre a nosa xuventude” e inciden na importancia de “que os nosos nenos e nenas vivan de preto as nosas tradicións”.