Cabana despediu o curso deportivo nun pavillón municipal ateigado de asistentes

1 minutes read

O pavillón municipal de Cabana de Bergantiños encheuse na tarde deste venres nun dos días máis sinalados para o deporte cabanés: a clausura das escolas deportivas.

Os deportistas da localidade deron mostra do aprendido ao longo de todo o curso nunha ampla variedade de modalidades deportivas entre as que se inclúen ximnasia rítmica, patinaxe artística, futsal, baloncesto, deportes de raqueta, aeróbic e atletismo.

Desde o goberno local celebran que un ano máis «poidamos recoñecer o gran traballo realizado polos e polas pequenas deportistas de Cabana, así como a dedicación dos mestres e mestras que os acompañaron ao longo de todo o curso». Sinalase tamén que «a ampla oferta deportiva ofertada desde o Concello segue a gozar dunha gran resposta por parte da veciñanza xa que este ano foron 342 os rapaces e rapazas que participaron nas actividades deportivas».

Clasuras das escolas de baile e música

A programación de clausura das actividades municipais continuará ao longo da fin de semana. O sábado, ás 18:30 horas no pavillón municipal, terá lugar a despedida de curso da Escola Municipal de Bailes de Salón e Ritmos Latinos, cunha mostra do traballo desenvolvido durante o ano.

Pola súa parte, o domingo ás 18:00 horas no Auditorio Municipal, celebrarase o peche do curso da Escola Municipal de Música J.M. Álvarez Canto, cun acto que reunirá ao alumnado e ás súas familias arredor da música.