Cabana inaugura oficialmente o seu albergue xuvenil

Albergue Cabana_Cedida

  • Tras unha reforma na que se investiron 70.000 euros, o establecemento conta con capacidade para 45 persoas

O Concello de Cabana inaugurou este venres o seu renovado albergue xuvenil, que será «un dos principais promotores de actividades deportivas no municipio», destacan desde a Alcaldía. Con esta presentación púxose punto e final ás obras de reforma integral que acometeu a empresa Alalá Terra e Sons.

Ao acto de inauguración acudiron o alcalde, José Muíño; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; a xerente de empresa concesionaria, Mariluz Imia Rivera; e diversos representantes de asociacións locais de Cabana.

Este novo espazo conta con capacidade para 45 persoas e será un dos principais organizadores de actividades deportivas e culturais no municipio durante os próximos meses. A súa localización privilexiada, a carón da praia do Pendón, permitirá coordinar a realización de campamentos de verán co aloxamento dos seus participantes.

O rexedor cabanés, José Muíño, mostrouse «totalmente convencido do éxito da iniciativa» e confía en que o albergue será «un eixo para os negocios hostaleiros da zona, xa que poderá aproveitar o importante fluxo de persoas que arrastra a rapazada e os deportes acuáticos en xeral».

Neste sentido, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou que esta reforma é «unha aposta polo contacto coa natureza e a súa contorna para estar en harmonía con ela».

Ademais, a xerente do establecemento explicou na propia inauguración que xa non quedan reservas dispoñibles para os meses de xullo e agosto.