Cabana logra financiamento para ampliar o paseo marítimo e unilo con Ponteceso

1 minutes read
  • A Consellería do Mar concedeu unha axuda de 200.000 euros no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP)

O Concello de Cabana de Bergantiños recibiu luz verde a unha subvención de 200.000 euros para o proxecto de ampliación do paseo marítimo. O plan supoñerá a recuperación ambiental e a posta en valor dun treito de máis dun quilómetro entre O Curro e o Monte San Sebastián.

A Consellería do Mar resolveu conceder unha axuda do 85% do importe total do proxecto, que ten un orzamento de 234.987,15 euros, ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP). Estas subvencións distribúense a través dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

O alcalde de Cabana, José Muíño, sinalou a importancia desta actuación para «poñer en valor un dos espazos naturais máis importantes de toda Galicia, a Enseada da Ínsua, e que discorre pola marxe fluvial da ribeira do Anllóns».

Neste sentido, o rexedor adiantou «que o paseo marítimo ampliarase ata unir o noso municipio co de Ponteceso e poder así gozar dunha das mellores sendas de toda a Costa da Morte». No plan tamén se contempla a idea de crear un novo miradoiro de aves complementario ó xa instalado na praia da Orixeira.