- Acometéronse traballos de ampliación e mantemento en case 3 quilómetros de camiños nas parroquias de Riobó, Silvarredonda e Corcoesto
O Concello de Cabana de Bergantiños está a piques de finalizar os traballos de acondicionamento de tres vías que dan acceso a parcelas agrícolas. O proxecto, que conta cun orzamento total de 63.195,88 euros e que está financiado polo Plan Marco da Xunta de Galicia, comprende 2.700 metros de camiños nas parroquias de Riobó, Silvarredonda e Corcoesto.
Concretamente, acondicionouse un treito de 300 metros entre Esmorisa e Barcia (Riobó), 1.600 entre Baneira e A Braña (Silvarredonda) e 800 metros máis entre Baneira e Regoseco (Corcoesto). Tamén se aumentou o ancho das marxes das vías para reducir as zonas de curvas e procedeuse á renovación do firme e á limpeza e apertura de cunetas. Os traballos sobre o pavimento rematarán nas próximas semanas.
O alcalde de Cabana, José Muíño, explicou que “esta intervención está orientada a facilitarlle o día a día ás persoas que viven do agro e que precisan de accesos cómodos e seguros ás súas fincas”.