Cabana | Xornada de divulgación no Castro de Borneiro para alumnado do CPI As Revoltas

1 minutes read
  • O profesor Ángel Acuña será o encargado de explicar toda a información nunha actividade que se desenvolverá este xoves

O Concello de Cabana organiza unha xornada de divulgación para o alumnado de ESO do CPI As Revoltas coa que poderán coñecer de primeira man a historia do Castro de Borneiro así como os últimos traballos de restauración executados no recinto arqueolóxico. A actividade realizarase o xoves 3 de febreiro a partir das 11:00 horas e estará a cargo do catedrático e antropólogo Ángel Acuña.

A programación conta cunha sesión formativa impartida no propio castro onde os estudantes, divididos en dúas quendas, percorrerán o recinto e coñecerán polo miúdo a súa importancia e o seu alto valor histórico. Tamén comprobarán o resultado das tarefas de renovación realizadas no 2021 para asegurar a correcta conservación do castro. Estes traballos, encargados pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, consistiron na consolidación de dez estruturas do castro, a súa limpeza e restauración de lenzos vencidos ou caídos así como a reposición de pezas nas coroacións.

Desde o goberno local agradecen a colaboración e participación dun «reputado profesor e experto na materia como é Ángel Acuña nunha actividade que busca a posta en valor do Castro de Borneiro e dos espazos naturais e arqueolóxicos do noso municipio».