O Concello continúa a súa aposta pola promoción cultural e as artes escénicas coa organización da quinta edición do ciclo Teatro con Salitre, unha proposta xa consolidada dentro da programación anual e que volverá converter o Centro Sociocomunitario de Caión nun punto de encontro para o público xuvenil adulto ao longo do mes de marzo.
Nesta ocasión a programación reúne tres pezas de estilos diversos, combinando creación contemporánea, revisión histórica e comedia co obxectivo de ofrecer unha oferta variada e accesible para a veciñanza.
As obras que compoñen o cartel desta quinta edición son:
• Venres 13: Sol y fuerza, de aAntena Teatro.
A primeira cita do ciclo vén da man dunha proposta escénica singular que combina teatro, playback e documentos para construír unha farsa baseada en feitos reais arredor de fraudes industriais, memoria e modelos enerxéticos. A través da historia dun estafador austríaco e dun inventor galego de adopción, a peza formula unha reflexión directa sobre o concepto de progreso e as súas consecuencias. Destaca o elenco encabezado por Lucía Veiga -nominada aos Premios Goya do ano pasado-, acompañada por Manu Fernández e Virxinia Bermúdez.
• Venres 20: Mala vida e pior morte de Ricardo III, de Produccións Teatrais Excéntricas.
Interpretada por Evaristo Calvo, esta montaxe unipersoal presenta un Ricardo III que cuestiona a visión que deixou del William Shakespeare. A través dun monólogo dirixido ao público, o monarca reivindica a súa memoria fronte á imaxe deformada que a tradición dramática consolidou, nun exercicio teatral que combina ironía, revisión histórica e xogo metateatral.
• Venres 27: Un fiambre, unha rosca e un cancán, da Asociación Cultural Faíscas.
Comedia de intriga na que o inesperado falecemento do dono dunha casa desencadea unha investigación levada a cabo por unha tenente da Garda Civil e a súa axudante, que se introducen de incógnito na vivenda para esclarecer o sucedido.
Do mesmo xeito que noutras citas culturais impulsadas polo Concello ao longo do ano, Teatro con Salitre reafirma o compromiso municipal coa descentralización da oferta escénica e co acceso á cultura. A organización conta coa colaboración do programa Dinamiz-ARTj do Instituto para la Transición Justa.
Todas as obras serán postas en escena no auditorio do Centro Sociocomunitario de Caión ás 21:00 horas e están dirixidas ao público xuvenil e adulto, con entrada libre e gratuíta ata completar o aforo.