É na parroquia de Carnés, en Vimianzo onde se celebra cada 9 de xullo, véspera de San Cristovo, esta festa con catro séculos de historia na honra do seu patrón. A súa orixe foi un banquete de membros da Confraría de San Cristovo, creada en 1608, que, co tempo, transformouse nunha comida para os pobres e desde o ano 1981, que se retomou de forma ininterrompida, nunha festa gastronómica dedicada aos callos.
Como é corrente nas vilas da zona da Costa da Morte, todo nesta festa está envolvido en fervor relixioso e cheo de antigos rituais e arraigados costumes que gustan narrar as xentes do lugar, como son o ritual de virar a tella para que non chova o día da festa ou a poxa das ofrendas dos fregueses ao santo, que ten lugar o día de San Cristovo no atrio da igrexa.
Ao visitante chamaralle a atención a propia historia do recinto de pedra, onde ao redor de 3.000 persoas degustan os saborosos callos que prepara a comisión da festa desde a madrugada, coa imaxe de San Cristovo sobre un estrado presidindo a comida, e a xente achegándose a ela para rezarlle ou pedirlle favores.
O recinto chámase “A Cerca”, e construíuse no século XIX para dedicalo exclusivamente á comida tradicional. Esta é a razón pola que A Cerca, que se sitúa nun espazo considerado sacro e vinculado o castro da parroquia e ao monte Croado, permanece pechada durante o resto do ano.
Música de gaiteiros e a charanga Támega desde Verín acompañaron á comida e, pola noite, a festa continuaba cunha verbena espectacular animada pola disco CDC e o concerto do grupo arxentino Ráfaga. Diversos festexos sucédense nos días seguintes, día de San Cristovo, e tamén o 11 de xullo, día de San Benito, cando, curiosamente, ten lugar a procesión do patrón San Cristovo.

Actuación do grupo arxentino Ráfaga este xoves en Carnés, Vimianzo.